Musica

 

A música de Rogelio Groba

Rogelio Groba converteuse nun dos máis prolíficos creadores españois. Entre os seus máis de 600 traballos catalogados atopamos 10 cantatas, 14 sinfonías, 5 óperas, unha «misa galega», un réquiem, 19 concertos (tres para orquestra, catro para violín, dous para piano, dous para cello, un para viola, outro para frauta, e outro para clarinete, ademais de "Ocho microconcertos" para violín, cello e corda), y unha manchea de música orquestral, de cámara, suites, sonatas, cancións, música para piano, para dúos, tríos, cuartetos, quintetos, música coral, para banda... Toda esta producción podería recompilarse en catro etapas diferenciadas.

A primeira, que podería ser chamada "de xuventude", abrangue as súas composicións iniciais dende a primeira obra catalogada ata o ciclo "Cantigas do Miño" (1958), ou o "Cuarteto nº 1 Galaico" (1961).

A confianza adquirida neste período creativo lévao a iniciar un novo proxecto que se executará ao longo da década dos 70, no que Groba non deixa de mergullarse na mesma liña de traballo, pero na que vai ampliar o abano a obras de gran magnitude e complexidade orquestral. O punto álxido é a composición, en 1972, da cantata "Nova Galicia", todo un reto polo que supón de novidoso no mundo da música galega e pola procura implícita dunha linguaxe de profunda raigame étnica e valor universal. Esta será unha das principais características do traballo creativo de Groba: a composición de obras de raíces folclóricas con características universais para facelas accesibles ao público de diferentes latitudes.

Esta fase non implica o abandono de obras para banda ou coro, que seguirá escribindo ao longo da súa vida, pero si a procura de novos camiños. Logo da cantata veñen novas composicións sinfónicas, como o díptico sinfónico "Cruñesas" (1973), os cuartetos "Lla-Fa" (1974), "Diabolus in Musica" (1975), e "Tensiones" (1980), os concertos para piano e orquestra "Malleus animatus" (1974) e "Coexistencias" (1979), o de frauta "Concerto gulansés" (1979), o de violón "Nemet" (1981), a sonata "Mímese" (1981), a suite barroca "Intres boleses" (1978), as cantatas "In memoriam Manuel de Falla" (1977) e "Cantigas de mar" (1981), ou as súas primeiras composicións para piano: "Pandeirada" (1974), "Soatiña" (1974), "Iniciación ao piano" (1976), "Galecia" (1980) ou "Tipoloxías" (1982).

A entrada nos 80 parece supór unha nova perspectiva. Nace unha nova etapa de plena madurez creativa que xa viña sendo anunciada a partir de Nova Galicia. Parece que Groba se tivese atopado a si mesmo e iníciase na composición de grandes obras.

Nas décadas dos 80 e 90 comeza un fecundo período de creación no que nacen obras de grande envergadura. É o caso das primeiras cinco sinfonías: "Lúdica" (1983), "Bucólica" (1984), "Galicia épica" (1988), "Christmas Symhony" (1989) e "Máxica" (1990), así como a "Sinfonía para cordas" (1996), ou as súas cinco óperas: "Divinas palabras" (1987), "María Pita, la fuerza de la libertad" (1991), "Camiños da Rosalía" (1994), "Floralba" (1998) e "Pedro Madruga, o noso Rei" (2001), e outras composicións salientables coma os ballets "Metáphoras"" (1985 ) e "Galicia. Danzas meigas" (1997), os concertos para violín "Confidencias" (1986) e "Res, non verba" (1994), o concerto para dous violíns "Concerto arcaico en Re" (1988), os concertos para violoncelo "Fauno" (1992) e "Añoranzas" (2002), ou para orquestra "Ophiusa" (1996) e "Ostinato" (2001), para clarinete "Koncerto klásiko" (1998), ou as cantatas "Mandatum" (1986), "Anxos de Compostela" (1989), "Cantata de maio" (1989), "Gran Cantata Xacobea" (1992) e "Corpus en Ponteareas" (1995 ), as sonatas "Diálogos" (1987) e "Laxeiriana" (1991), as suites "San Xián" (2003), "Suie celta" (2003) e "Grovios" (2004), a misa galega "Corpus Christi" (1991), a colección "Danzas antigas" (2003), ou o réquiem "Samaín. Requiem galrgo" (2003).

 

 

Este traballo creativo compleméntase co estudo en profundidade da música folclórica galega, que dá froito en moitas composicións desta época, especialmente para coro, como as coleccións "Galicia cantada" (50 cancións galegas, 1983), "Vintecatro alalás" (1984), "Tres cantos de arrieiro" (1985), "Oito cancións antigas" (1997), ou os "Oito microconcertos" (para orquestra de cámara, 1997), "Coplas campesiñas" (2000), "Sete cantigas sen verbas" (para piano, 2003), e un gran número de obras soltas, inspiradas no rico patrimonio musical de Galicia.

Esta terceira e prolífica fase vaise desenvolver en paralelo, dende mediados dos 90, a unha cuarta, na que, despois de máis de 40 anos dedicados á composición e sen deixar en ningún momento a súa faceta creativa, Rogelio Groba volta ao pasado para revisar algunhas das súas composicións máis interesantes. Estas revisións teñen como resultado, en ocasións, novas versións para diferentes orquestracións (unha constante ao longo da súa carreira), pero outras obras volven ao seu particular obradoiro creativo para sair del limpas e polidas, como o concerto "Nemet", a cantata "Nova Galicia", o "Concerto gulansés", ou a súa primeira composición catalogada, "Añoranzas de xuventude", entre outras.

Joaquín Turina dicía en 1929 que Galicia, ao contrario que outras comunidades do Estado, aínda non dera atopado "ao seu músico, un músico de verdadeira altura que sinta fondamente, como verdadeiro indíxena, a poesía das verdes montañas". O crítico musical Leopoldo Hontañón afirmaba, 64 anos, máis tarde que o sevillano "aquí e agora, aceptaría o de Rogelio Groba como dignísimo nome para ocupar o baleiro que denunciaba". A pura realidade é que a súa sentenza está chea de certeza. En Groba están presentes todas as facianas de Galicia dende unha perspectiva puramente artísica. Os temas de raíz etnográfica ou histórica, a Galicia supersticiosa e relixiosa, a evocación bucólica da súa paisaxe, a proxección futura desta terra, a retranca, o mar, as súas xentes, os mil ríos, a mitoloxía popular e un longo etcétera, son a materia prima da que Groba se nutre para as súas composicións.

Cando o propio autor fala sobre o seu traballo, desbota a posibilidade de se identificar cunha única estética nas súas composicións, insistindo en que será o tema será elixido en cada momento o que esixa un tratamento propio en cada ocasión. Aínda así, poderiamos diferenciar entre dúas estéticas como as máis frecuentes no seu catálogo: un estilo clásico e tradicional, ao que el mesmo chama "in modo antico" (subtítulo de varias das súas composicións), máis accesible e sinxelo, e que podemos considerar como puramente "grobiano", articulado arredor do intervalo de quinta diminuída, unha especie de pincelada sonora ao estilo de Van Gogh, que é onde podemos atopar ao Groba máis persoal, valleinclanesco, expresionista e sentimental, cun profundo calado romántico.