Biografia


Apuntamento biográfico de Rogelio Groba

(1930, Guláns, Pontevedra).

 

Rogelio Groba é, na actualidade, o compositor de música clásica máis prolífico de Galicia con máis de 600 obras: 1 requiem, 14 sinfonías, 19 concertos e 8 microconcertos, 10 cantatas, 8 suites, 2 ballets, obras para coro, música de cámara, piano só, orquestra de cordas, banda sinfónica,... das que moitas de elas aínda non viron a luz.

Naceu o 16 de xaneiro de 1930 nunha pequena aldea da provincia de Pontevedra, Guláns. Os seus costumes e forma de vida agraria resumían a aquela Galicia profunda: verdes e frondosas paisaxes nas que relixión e supersticion coexistían.

Os seus primeiros contactos coa música viñeron a través da Banda “A Unión de Guláns” onde comenzou tocando o frautín antes de facerse cargo, con 17 anos da dirección da agrupación.

No entanto estudaba no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título Superior en Composición con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga. En 1962 trasladouse a Suíza, país no que residiu sete anos e onde dirixiu numerosas agrupacións con gran éxito, como demostra o feito de que naquel tempo se chegasen a celebrar catro “Festivais Groba” como recoñecemento da súa labor artística.

De volta a España foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal de A Coruña, cargo que exerceu durante 23 anos. Ao tempo fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música de A Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e Fuga, Harmonía, e Composición no devandito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, e fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.

Da súa discografía destacan a gravación feita pola Stuttgart Kammerorchester baixo a dirección de Maximino Zumalave de Cantigas de Mar e Intres boleses, ou as realizadas pola London Symphony Orchestra: Gran Cantata Xacobea (dobre CD), co coro London Voices; o Concerto para violín e orquestra nº 2 “Confidencias”, con Pedro León como solista (as dúas ocasións dirixida polo propio Groba); e o Concerto nº 1 para cello e orquestra “Fauno”, dirixido por Andrew Litton e con Mats Lidstrom como solista. Tamén cómpre salientar as feitas pola Orquestra de Cámara Galega do Concerto para dous violíns e orquestra “Arcaico” (no que actúan como solistas o seu fillo Rogelio e máis Javier Cedrón), e do Concerto nº 2 para cello e orquestra “Añoranzas” (coa súa filla Clara como solista), así como da suite Intres boleses.

Autor de ensaios e libros como 252 alalás, dende 1990 adícase só á creatividade musical, eido no que foi recoñecido co Premio Internacional de Composición Dante Luini convocado pola Radio Televisión Suisse Romande (1972), o Premio da Crítica Galega (1979), o Premio Xunta de Galicia da Cultura (1992), a Medalla Castelao (1995), o Premio Internacional de Composición Auditorio de Galicia (2004), ou o nomeamento como Fillo Predilecto da súa vila natal en 2005. É membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, da Real Academia Galega de Belas Artes, e da Real Academia de San Fernando, de Madrid.

Dende 2002 preside a Fundación Rogelio Groba, clasificada “De Interese Cultural” e “De Interese Galego” polo goberno galego.