Fundación Rogelio Groba

A música de Rogelio Groba

descargar documento

A música de Rogelio Groba

Rogelio Groba tense convertido nun dos máis fecundos creadores, non xa galegos, senón de todo o Estado. Entre as súas preto de 300 obras catalogadas atopamos oito cantatas, seis sinfonías, cinco óperas, unha «misa galega», un réquiem, catorce concertos (tres para orquestra, catro para violín, dous para piano, dous para cello, un para viola, outro para frauta, e outro para clarinete, ademais de Oito microconcertos para violín, cello e corda), e unha morea de música orquestral, de cámara, suites, sonatas, cancións, música para piano, para dúos, tríos, cuartetos, quintetos, música coral, para banda... Toda esta producción podería recompilarse en catro etapas diferenciadas.

A primeira delas, á que poderiamos chamar «de xuventude», abarcaría as súas composicións iniciais dende a súa primeira obra catalogada, un pasodobre para banda chamado Añoranzas de xuventude (1952), ata principios dos 70. Nestes anos o seu traballo caracterízase, sobre todo, por composicións para banda, para coro, ou cancións para solistas e piano, ademais de pequenas pezas para «cuarteto enxebre» (dúas gaitas, bombo e tamboril). Obras, polo xeral, breves, agás contadas excepcións coma o ciclo Cantigas do Miño (1958), ou o Cuarteto nº 1 «Galaico» (1961), que a miúdo máis semellan exercicios de estilo na procura dunha linguaxe propia.

A confianza que proporcionan estes anos de busca dun estilo persoal lévao a iniciar unha nova singradura que se alongará durante toda a década dos 70, na que Groba insiste nesa mesma liña malia que ampliando o abano a obras de máis envergadura e complexidade orquestral. O punto de inflexión é a composición, en 1972, da cantata Nova Galicia, todo un reto polo que supón de novidoso no mundo musical galego (é a primeira obra destas características que se compón en Galicia) e pola procura implícita dunha linguaxe de profundas raíces étnicas pero de valor universal. Esta será unha das principais características da obra completa de Groba, que levou aos estudiosos a comparalo en varias ocasións con Bela Bartok: a composición de obras de raigame folclórica dotadas de características universalistas para que resulten asequibles a públicos de distintas latitudes.
Esta etapa non supón o abandono das obras para banda ou para coro, que seguirá escribindo ao longo de toda a súa vida, pero sí a busca de novos camiños. Tras da cantata virán outras composicións de caracter sinfónico, coma o díptico Cruñesas (1973); os cuartetos Lla-Fa (1974), Diabolus in musica (1975), e Tensións (1980); os concertos para piano Malleus animatus (1974) e Coexistencias (1979), para frauta Concerto gulansés (1979) e para violín Nemet (1981); a sonata Mímesis (1981), a «suite barroca» Intres boleses (1978), as cantatas In memoriam Manuel de Falla (1977) e Cantigas de mar (1981), así como as súas primeiras composicións para piano: Pandeirada (1974), Soatiña (1974), Iniciación ao piano (1976), Galecia (1980) ou Tipoloxías (1982). É un intre de experimentación formal e de procura dunha linguaxe propia que serve de preámbulo á súa etapa máis fructífera.

A entrada nos anos 80 parece supór unha nova perspectiva. Remataron os xogos, os ensaios de estilo, as composicións sinxelas, para entrar de cheo nunha etapa de plena madurez creativa que xa se viña anunciando dende Nova Galicia. É coma se Groba se atopase a sí mesmo e decidise iniciar a composición de obras de gran envergadura. Nas décadas dos 80 e 90 nacen as súas cinco sinfonías: Lúdica (1983), Bucólica (1984), Épica (1988), Christmas Symphony (1989) e Máxica (1990), e maila Sinfonía para cordas (1996); tamén as súas cinco óperas: Divinas Palabras (1987), María Pita, a forza da liberdade (1991), Camiños de Rosalía (1994), Floralba (1998) e Pedro Madruga, o noso Rei (2001); e outras composición de gran calado coma os ballets Metaphoras (1985) e Galicia. Danzas meigas (1997), os concertos para violín Confidencias (1986) e Res, non verba (1994), para dous violíns Concerto arcaico en Re (1988), para cello Fauno (1992) e Añoranzas (2002), para orquestra Ophiusa (1996) e Ostinato (2001), e para clarinete Koncerto klásico (1998); as cantatas Mandatum (1986), Anxos de Compostela (1989), Cantata de maio (1989), Gran Cantata Xacobea (1992) e Corpus en Ponteareas (1995); as sonatas Diálogos (1987) e Laxeiriana (1991), as suites San Xián (2003), Suite celta (2003) e Grovios (2004), a misa galega Corpus Christi (1991), a colección Danzas antigas (2003), ou o réquiem Samaín. Réquiem galego (2003).



Este fecundo traballo orquestal compleméntase, ademais, cun profundo estudio da música folclórica galega que fructifica en numerosas composicións, especialmente para coro, como as coleccións Galicia cantada (50 cancións galegas, 1983), Vintecatro alalás (1984), Tres cantos de arrieiro (1985), Oito cancións antigas (1997) e os seus Oito microconcertos (para orquestra de cámara pero de inspiración popular, 1997), Coplas campesiñas (2000), ou Sete cantigas sen verbas (para piano, 2003), así como unha morea de obras soltas inspiradas no rico patrimonio musical galego.

Esta terceira e prolífica etapa viría desenvolvéndose en paralelo, dende mediados dos 90, a unha cuarta na que, logo de máis de 40 anos adicado á composición e aínda sen abandoar a súa faceta creativa, Rogelio Groba remóntase a épocas pasadas para revisar algunhas das súas composicións máis interesantes tratando de eliminar nelas eses «pecados de xuventude» (segundo as súas propias verbas) que impregnaban os pentagramas cun exceso de oficialismo compositivo, no que supón a procura incesante da perfección. Algunhas desas revisións remataron por se traducir en novas versións da obra para formacións orquestrais diferentes (unha constante na súa carreira), pero outras retornaron ao seu taller creativo orixinal para saír perfectamente puídas, coma no caso do concerto Nemet, da cantata Nova Galicia, do Concerto gulansés, ou da súa primeira composición, Añoranzas de xuventude, entre outras.

O propio Groba, cando fala da súa obra, descarta a posibilidade de identificarse cun único estilo estético no seu traballo compositivo, insistindo en que será a temática elixida en cada momento a que determine un enfoque propio a cada obra. A pesar desa reflexión, acostuma a diferenciar entre dous estilos diferentes no seu traballo: un clásico, tradicional, ao que denomina «in modo antico» (subtítulo en varias das súas composicións), máis asequible e directo, e un estilo que poderiamos denominar puramente «grobiano», articulado sobre o intervalo de quinta diminuída, unha especie de trazo sonoro semellante ao pictórico de Van Gogh.


A música de Rogelio Groba

descargar documento

Fundación Rogelio Groba
c/ Darío Bugallal, 3
36860-Ponteareas (Pontevedra - España)
Teléfono/Fax: (+34) 986.64.27.05
Correo electrónico: xerencia@fundacionrgroba.com
 

añadir a favoritos | poner como página de inicio | aviso legal | webmaster


gal / es / en
  Portada
  Novas
  Biografia
  A sua música
  Catálogo de obra
  Publicacións
  Fotografías
  Contactar