Apunte biográfico de Rogelio Groba
(1930, Guláns, Pontevedra, Galicia, España)
Compositor, director de orquestra e pedagogo.
Ata a actualidade compuxo arredor de 300 obras de tódolos xéneros, como o lied, abundante música de cámara, concertos para solistas e orquestra (11), música sinfónica (6 sinfonías), coral (7 cantatas), ballets (2) e do xénero operístico (5 óperas), entre outros.
Realizou os seus estudios musicais no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título Superior na especialidade de Composición con primeiros premios de Harmonía, e Contrapunto e Fuga.
Posteriormente trasladouse a Suíza, país no que residiu durante sete anos, onde obtivo o Premio Internacional de Composición «Dante Luini» organizado pola Radio Televisión Suisse Romande e no que se organizaron catro festivais co seu nome en recoñecemento da súa labor artística.
Máis tarde, xa en España, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal de A Coruña, agrupación na que permaneceu durante vintetrés anos. Simultaneamente fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música de A Coruña, así como a Orquestra de Cámara Municipal.
Exerceu como profesor de Harmonía, Contrapunto e Fuga, e Composición no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, do que foi director durante vinte anos, e fundou numerosos conservatorios dentro da xeografía galega.
Da súa discografía cabe destacar o CD realizado pola Orquestra de Cámara de Stuttgart baixo a dirección de Maximino Zumalave que inclúe a cantata Cantigas de Mar e a suite barroca Intres boleses, ou os tres nos que participou a London Symphony Orchestra e que foron gravados nos estudios Abbey Road: o doble CD dirixido polo propio autor da Gran Cantata Xacobea co coro London Voices; o Concerto para violín e orquestra nº 2 «Confidencias», interpretado polo violinista español Pedro León; e o Concerto nº 1 para violoncello e orquestra «Fauno», dirixido por Andrew Litton e co cellista sueco Mats Lidstrom como solista.
Tamén cumpre salientar a gravación feita pola Orquestra de Cámara Galega do Concerto para dous violíns e orquestra «Arcaico», co seu fillo e violinista Rogelio Groba Otero, e do Concerto nº 2 para cello e orquestra «Añoranzas», coa súa filla violoncellista Clara Groba Otero, como solistas.
Autor de varios ensaios e libros como 252 alalás, dende 1990 adícase exclusivamente á creatividade musical, eido no que foi recoñecido con distincións coma o Premio da Crítica Galega concedido en 1979, o Premio Xunta de Galicia da Cultura en 1992, a Medalla Castelao en 1995, ou o nomeamento como «Galego do Ano» en 2002.
É membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, da Real Academia de Belas Artes de Galicia y da Real Academia de San Fernando, de Madrid.
|