
Rogelio Groba vén de rematar seis novas sinfonías que se integran nunha colección denominada de maneira xenérica “O espello sinfónico”. Estas novas obras están inspiradas por composicións anteriores de carácter sinfónico-coral (as cinco óperas e unha cantata), o que lle afecta directamente á súa estrutura e á súa concepción, que se afasta da sinfonía tradicional. Cada unha das sinfonías vén sendo unha síntese da obra orixinal dende unha nova perspectiva, unha selección de escenas que o autor considerou musicalmente más acaídas para darlle forma a este proxecto no que, lonxe dunha simple exposición de temas ou dunha antoloxía de fragmentos, buscou esencializar o contido da obra orixinal adaptándoo á nova linguaxe empregada pero sen que perdese o seu carácter. Integran a colección as sinfonías nº 9 »A Voz dos Tempos» (baseada na ópera »Floralba», 1998/99); nº 10 »A heroína» (baseada na ópera »María Pita, a forza da liberdade», 1989/91); nº 11 »Qui sine peccato» (basaeda na ópera »Divinas palabras», 1986/87); nº 12 »O guerreiro de Soutomaior» (baseada na ópera »Pedro Madruga. O noso Rei», 2001/02); nº 13 »Visións de Rosalía» (baseada na ópera »Camiños de Rosalía», 1994), e nº 14 »Galicia soñada» (baseada na cantata »Nova Galicia», 1972). “O resultado”, explica o autor nun breve texto que acompaña a cada unha das sinfonías, “é unha ollada distinta ás obras orixinais. Coma se atravesasen o espello de Alicia para vérense doutra maneira; ou como se se reflectisen nos espellos cóncavos da rúa do Gato, que diría Valle-Inclán. Espello sinfónico, neste caso.” Con esta nova colección, o autor supera xa os 600 títulos no seu catálogo. |